miércoles, 25 de abril de 2012

Saída de Campo

Onte, 24 de abril de 2012, realizamos unha saída de campo como ferramenta didáctica para a Aprendizaxe das Ciencias Sociais. Como falamos onte, as ciencias sociais pódense ensinar e aprender co manexo de fontes documentais e bibliográficas, a través do emprego de novas tecnoloxías, grazas ao intercambios de opinións en debates e tamén poñendo os pés no territorio adquirindo de primeira man datos, sensacións, observacións e experimentacións.


As ciencias sociais son un corpo vivo e, como tal, para estudalo e comprendelo cómpre lanzarse (de cando en cando) a descubrilo en primeira persoa. Nesta ocasión, o noso laboratorio foi a cidade na que estudamos: Pontevedra. Realizamos unha saída de campo titulada: "A realidade social de Pontevedra como construcción histórica e xeográfica".


Ademais, con estas experiencias podemos contar co privilexio de explicación doutras persoas que coñecen a fondo a materia. No noso caso, o arqueólogo Xurxo Constela fíxonos unha atractiva e interesante saída de campo a través de todos os vestixios históricos da cidade.

Alén dos contidos, que foron ben interesantes e que nos serviron para comprender as transformación temporais e espaciais de Pontevedra e como foron cambiando os costumes e os usos das prazas e das rúas, nas vosas entradas quero fagades unha reflexión en grupo sobre a saía de campo como ferramenta didáctica:

Como se planifica unha saída de campo?
Que cuestións debemos ter en conta?
Cales deben ser as súas características?
Que cousas se aprenden que non se aprenden na aula?
Cales son os beneficios de realizar este tipo de actividades?
Como se presenta un itinerario?
Que material se emprega antes da saída, durante e despois?

Para contestar a todas estas cuestións podedes rememorar a saída de onte; tendo en conta o itinerario, as paradas, o material, os contidos, os tempos, os descansos, etc.

Como resultado teredes as cuestións clave para que vós podades organizar no futuro unha saída de campo para aplicar no "laboratorio" das ciencias sociais (o territorio) os coñecemento e conceptos que manexades a nivel teórico na aula.

Moitos ánimos

No hay comentarios:

Publicar un comentario